Wednesday 26 de June de 2024

O Concello de Boqueixón abre as inscricións no programa de conciliación Nadal Activo


O Concello de Boqueixón convoca unha nova edición do Nadal Activo, un programa lúdico-educativo para facilitar a conciliación laboral e familiar nestas vacacións de Nadal. As actividades desenvolveranse nas instalacións municipais do Forte e no CPIP Antonio Orza Couto durante 10 días (23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro). O horario de entrada será de 9:00 a 10:00 horas e o de saída de 13:30 a 14:00 horas.

O Concello oferta un total de 20 prazas para nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e primaria empadroados en Boqueixón e alumnado matriculado/a nun centro educativo do municipio. O prezo será de 75 euros por programa, existindo a posibilidade de inscrición por días soltos, a 10 euros cada xornada.

O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe luns ata o xoves 15 de decembro, enviando o formulario de solicitude e a documentación correspondente a través da sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. O Concello de Boqueixón estableceu tamén unha exención do 100% da taxa para casos de emerxencia social, unidades familiares con ingresos mensuais inferiores ou iguais ao IPREM ou outra situación valorada tecnicamente polo Departamento de Servizos Sociais. Así mesmo, haberá bonificacións especiais do 40% para familias numerosas e do 50% para familias numerosas oficiais, así como para aquelas unidades familiares con ingresos inferiores o iguais a 1,5 veces o IPREM (80%), 2,5 veces (70%), 4 veces (50%) e 6,5 veces (35%).

Máis información no teléfono 981 513 115 e www.boqueixon.gal.